5 de xaneiro de 2025

Ano novo

 O novo ano comeza con cancelacións; imos mal: a frenética actividade social de Venres estas últimas semanas (cea coa promoción da EXB, cea cos compañeiros de traballo, cea cos amigos de Delfos, cea cos do grupo de danza, cea cos exalumnos da súa escola) culmina nunha farinxite con inflamación de amígdalas, febre e antibióticos, e a nosa programada viaxe a León dilúese entre os polvoróns e os opíparos banquetes de noitevella e aninovo na casa de miña irmá.

Vai ser a primeira vez en dez anos que non iniciemos xaneiro de viaxe (aínda que algunha fose modesta, como cando fomos visitar en Vigo o pergamiño Vindel). A cancelación tardía supúxonos a perda dos billetes de tren e 79 euros da reserva do hotel. Tamén vai ser a primeira vez que valore a posibilidade de desmontar todo o circo e levar a árbore máis lonxeva para o rocho. O meu catarro resiste aínda, con tose e dor de cabeza, e este malestar vai do desánimo ao pánico cando me decato de que as confusións de miña mai son cada vez máis frecuentes; sen dúbida o seu rexeitamento ao audífono e ao móbil tamén contribúen ao illamento. Sen ir máis lonxe, onte discutiu con miña irmá sobre o xantar de Reis. As cousas novas non dan entrado nesa cabeza, e as vellas non dan saído.

22 de outubro de 2024

Suicidio

 Isto é: dúas morreron. Morreron dúas e por watsap mo contan (non elas, naturalmente):

Da segunda cóntame Maral á hora de me ir deitando: que está en shock, que lle acaban de contar que se suicidou unha viciña do seu barrio, unha rapariga nova que a atendía no Froiz a diario, que tiña un neno de catorce anos que hai uns días marchou a vivir co pai porque eles estaban separados, que ela quedou soa e non o deu soportado.

Que dicir? Vou para a cama, pero vou pensando, facendo reconto. Sáenme, con esta, desde o confinamento, unhas cantas mortes inxustificables.

8 de outubro de 2024

 O cerebro prioriza o corazón -di a prima de Venres nun whatsapp-. O demais vai apagándose pouco a pouco, e a morfina manteno adormecido.


2 de setembro de 2024

Setembro

 Convocatoria de claustro para un destes días. A miña sobriña volve das urxencias con máis dúbidas que certezas sobre o embarazo. Chove lentamente. Meu pai diría que este é un día desorellado.

31 de agosto de 2024

Ameaza

O día antes de se cumpriren 44 anos da morte do tataravó Xesús, a filla, o neto e a bisneta tratan de entreter a tataraneta mentres seus pais acoden a urxencias e sobrevoa a ameaza de aborto. Conspiración de cousas e factores: se eu non tomase a dormidina tería acordado antes das 6'56 cando chamaron, se non estivesen os móbiles mudos teriamos ouvido a chamada, se o porteiro automático estivese conectado teriamos aberto o portal e a nena ficaría connosco, se, por último, JP fose da xeración anterior tería lembrado que os teléfonos fixos aínda existen, e que son os mellores para as malas noticias.

1 de xullo de 2024

Semestre de libros

 

  1.  Memorial do convento, de José Saramago.
  2. Victoria menor, de Luis Escavy.
  3. La bibliomula de Córdoba (banda deseñada de Wilfrid Lupano)
  4. Adeus, princesa, de Clara Pinto Correia.
  5. Historias de Wyoming, de Annie Proulx.
  6. Mañana y tarde, de Jon Fosse.
  7. La mujer fugitiva, de Alicia Giménez Bartlett.
  8. Tintin en el Congo, de Hergé.
  9. A miña vida noutro lugar, de Rosa Suárez Redondo.

23 de xullo de 2023

Reflexión

 A decisión de voto da semana pasada saíu da xornada de reflexión de onte como entrara: nacionalista para o Congreso e socialista para o Senado. Pura estratexia: desexo que grupo parlamentario propio e, dado que o BNG asume que non obterá senador por Lugo, os votos irán para o PSOE, aínda que non é exactamente aquel voto herdado pola tía O. do avó M.

22 de xullo de 2023

Praza Maior

 A imaxe do tipo mexando en pleno día e á vista de todos na Praza Maior non me deixa desde onte: un ionqui, un borracho, un mendigo que despois tratou de camelar unha parella de turistas, un tipo problemático que nos levantou do banco antes xa de que pensase achegarse a nós. A súa figura á distancia abrindo o pantalón sen se inmutar, e eu sigo a lamentar e temer a partes iguais non ter estado máis perto para ver, fascinado e espantado a un tempo.

21 de xullo de 2023

Libros

 

Seguimos a rescatar libros esquecidos. Despois de Canta la hierba de Doris Lessing e El manuscrito carmesí de Antonio Gala, agora toca La despedida, de Milan Kundera. A súa morte hai uns días, como no seu momento a de Gala, fíxome indagar que tiña del; non lembraba este libro, sorprendente ademais por ser de Círculo de Lectores.

Máscaras

 A caixiña de lata que un día fora maletín da Señorita Pepis e desde hai tres anos atesouraba as máscaras viaxa do mesado da cociña ao armario do baño co seu contido.

Queda oficialmente declarado o final da pandemia nesta casa.

20 de xullo de 2023

T de tirizó, T de tatuaxe

 Saíume un tirizó no ollo dereito. E son, desde onte, o monstro de Guatemala.

Tamén desde onte, triplemente tatuado: aos cirrios dos ombros uniuse agora a planta da pata de Magui na miña perna dereita. O espectáculo achocolatado baixo o plástico mellorará cando, despois do almorzo, lave a zona sen esperar os tres días que dixo o Negro, o tatuador de cabeceira.

18 de xullo de 2023

5 de xullo de 2023

Semestre de libros

  1.  Casa tomada y otros relatos, de Julio Cortázar.
  2. Lixeiro, de Ismael Ramos.
  3. Los funerales de la Mamá Grande, de Gabriel García Márquez.
  4. Riccardino, de Andrea Camilleri.
  5. Sargadelos, de José Filgueira Valverde.
  6. Os fillos da fame, de Ismael Ramos.
  7. Los besos en el pan, de Almudena Grandes.
  8. A gruta da torre, de Lois Pérez.
  9. Lorca. Un poeta en Nueva York, de Carles Esquembre.
  10. As malas mulleres, de Marilar Aleixandre.
  11. Canta la hierba, de Doris Lessing.
  12. El manuscrito carmesí, de Antonio Gala.
  13. Mira las luces, amor mío, de Annie Ernaux.
  14. Na noite estrelecida, de Ramón Cabanillas.

4 de xullo de 2023

Historia de Xulia

A historia de Xulia quen ma conta é Herg unha destas tardes; vai moita calor e estamos refuxiados nas sombras bonsai dos arces do Pazo de Sangro. Levamos un pedazo a falarmos de destinos pasados e persoas mortas, e aquí Herg volta aos finais do franquismo, cando nunha vila próxima a Ferrol ensinaba a párvulos e compartía casa e colexio con Xulia. Dela di que era un espírito libre, que de estudante desquiciaba a profesora de Política con respostas e preguntas que acordaban odios e simpatías por igual no rabaño gris marengo que eran todos; lembra a vida sinxela daqueles meses na casiña alugada perto da escola (horta con limoeiros e ata un pozo), coa oposición recén aprobada e o 850 branco de segunda man (daqueles que abrían ao contrario) que Xulia comprou para ir e vir cada vez menos á casa dos pais, porque Xulia empezou a saír cun casado.

Conta Lupe que ela estaba en Ítaca a noite que pasou todo, cando regresaban en dous coches a Ferrol volvendo da Mariña; o primeiro deles é o do casado, no que vén Xulia: sae da vía e bate cun cabalo que, malferido, agoniza horas ata que aparece a Garda Civil; cando aos poucos minutos chega o 850 branco coas amigas de Xulia, o corpo dela xa está fóra do coche accidentado e o condutor argallaba unha arañeira de argumentos ata convencelas de levaren a Xulia á casa dos pais, sentada no asento de atrás, e de non contaren máis verdade que a que el lles dicía, polo ben de todos, que el xa saberá o que ten que dicir.

Aos dous días enterrárona no panteón da familia. Ninguén fixo preguntas, ao parecer. Do casado nunca máis se soubo.